“Ollarán a quen traspasaron” (Xoán 19:37)
Desde a Cruz contémplasme sereno, tal como me concibiu quen me tallou, alá polo século XIII, con oracións nos seus beizos e no seu corazón, mentres as súas mans certeiras ían esculpindo a miña figura destinada á igrexa románica deste mosteiro.
Se te fixas, non hai en min moito sangue, nin expreso dor; máis ben esténdome sobre a Cruz como Rei que senta nun trono de Gloria. É certo que morrín na Cruz, mais para o evanxelista san Xoán, na Cruz xa vencín e, ao morrer por amor a ti, tamén che entreguei o meu Espírito.
Se me queres comprender mellor, convídote a coller a Biblia e a ler os capítulos dezaoito e dezanove do Evanxeo segundo san Xoán, un libro que acharás no Novo Testamento.
Se me falas, porque iso é orar, aquí estou, agardando por ti.
Fun tamén Relicario, é dicir, fixeron de min un lugar para gardar e conservar un obxecto de veneración. No meu caso, conservei durante moito tempo un gran de incenso na miña cabeza que, segundo din os documentos conservados, proviña do cofre dos Magos de Oriente, tal como podes ler no Evanxeo segundo san Mateo, no seu capítulo segundo.
Ensínoche unha foto que fixeron para que poidas velo, porque, desde onde estou, non serías capaz de percibilo.

