Skip to content Skip to footer

Somos varios os personaxes desta escena evanxélica. Non sei se sabes que, cando a gran maioría da xente non sabía ler, e, polo tanto, non tiña acceso ás Sagradas Escrituras, os retablos e conxuntos escultóricos se idearon para poñer ante os seus ollos o que ouvían nas celebracións e así ver e lembrar o que escoitaban. Era a chamada “Biblia dos pobres”. Isto da “accesibilidade” é moi antigo… Pois ben, para contarche o que nos di o evanxelista San Lucas no capítulo primeiro, versículos 26-38, estamos nós aquí.
Voucho explicar eu, o Arcanxo San Gabriel, o que está á dereita. Vesme con ás, son un “anxo”, é dicir, un “mensaxeiro”, así que necesito moverme con rapidez, e, ademais, son dos anxos máis importantes, por iso chámanme “Arcanxo”. O meu nome é Gabriel, que en hebreo significa “forza de Deus”. Fun enviado á Virxe María para anunciarlle (de aí o nome desta escena “Anunciación”) que sería a Nai de Deus. O saúdo que lle dirixin foi: Deus te salve, María! Ou, se o prefires: ¡Alégrate, María! E continuei: “chea de graza”. É o que levaba escrito nas miñas mans e que agora non teño e parece que estou bailando sevillanas… Mais, ante a resposta afirmativa e a boa disposición de Santa María, ¿como non me hei alegrar? Xa che teño explicado quen é a muller que está ao meu carón.
Arriba ves unha pomba. Certo, en actitude de pousarse dun momento a outro. Representa o Espírito Santo que vai cubrir coa súa sombra a María para que dela naza o Fillo de Deus, Xesucristo, o noso Salvador.
Por último, o atril que ves cun libro representa a Palabra de Deus e un contexto de oración e de cumprimento das profecías contidas no Antigo Testamento.
De seguro que, se agora buscas no teu teléfono Lucas 1, 26-38 e o les, nos entenderás moito mellor e… ¿quen sabe? Se cadra acabas por comprender o gozo da salvación, úneste á nosa alegría e bailas unha muiñeira…

San Paio de Antealtares © 2026. Todos los derechos reservados.